viernes, 27 de septiembre de 2024

Benvidos e benvidas a un novo curso!

Un novo curso comeza, e para darlle á benvida ó alumnado, Cusco preparou un mural cheo de segredos... segredos das palabras que conteñen os libros da súa biblioteca. Decenas de papeliños de cores, cubertos de verbas seleccionadas de literatura infantil. Unhas verbas suxerentes que tiveron que completar facendo uso da súa imaxinación e creatividade.

Estes segredos houbo que escondelos, e o mellor lugar para facelo foi dentro dos propios libros. Así, cando pasen cinco, dez, vinte anos... outro neno ou nena atopará un pedaciño deles.

Que este curso nos depare moitas sorpresas, coñecemento, diversión e creatividade!




jueves, 6 de junio de 2024

Apadriñamentos e amadriñamentos lectores.

 Aproveitando o bo tempo saímos ao patio e os nenos e nenas de 4º de EP len un conto aos nenos e nenas de Educación Infantil.

Pasaron un anaco de lectura ben divertido e tenro!


Aquí vos deixamos os libros dos que puideron desfrutar no tempo de lectura:


Facemos un libro de texturas para a Casa Niño "Bolboreta"

Seguindo o fío condutor de "A vida nos mares e océanos" que levamos traballando no cole dende o Entroido, e como proxecto para materializar parte dos coñecementos adquiridos na formación sobre E-textiles que fixemos os mestres, o alumnado do cole fixo, coa axuda e supervisión dos mestres, un libro de texturas para as nenas e nenos da casa niño, o cal lles será entregado nunha das vindeiras xornadas, antes do remate do curso. 

Deste xeito, cada un dos niveis fixo unha páxina para o libro, coincidindo na súa maior parte co animal do que se disfrazaron polo Entroido:

A ESTRELA DE MAR DE EI

A MEDUSA E MÁIS O PEIXE DE 1º E 2º

O CANGREXO DE 3º E 4º

A TARTARUGA DE 5º

A BALEA DE 6º

E por fin chegou o día...o alumnado de infantil visita a casa niño da Capela cunha misión moi importante! Entregar un agasallo moi especial e feito con moito agarimo! 




miércoles, 5 de junio de 2024

As nosas emocións forman os nosos recordos.

 Bo día!

Desde o equipo de biblio do cole pensouse en traballar cos nenos unha temática que, se ben hai algúns anos non recibía o lugar e a importancia necesaria, hoxe en día estase a ter moito máis en conta e é algo que se debe traballar dende idades temperás. 

As competencias emocionais axudan a manter boas relacións cos demáis e con un mesmo, axudan ao proceso de aprendizaxe, contribúen á resolución pacífica e positiva dos conflitos e son por suposto unha parte fundamental da saúde mental e física.

Neste sentido, e coa idea de pensar en actividades fácilmente adaptables a todas as etapas e ciclos educativos que temos no centro, foron tres as actividades, obradoiros ou pequenos proxectos propostos para acadar o noso obxectivo.

1º) VISIONADO DA PELÍCULA "DO REVÉS" (21-5-24)

Esta película de Pixar amósanos o marabilloso, complexo e ás veces tolo mundo das emocións. A protagonista desta divertida historia é Riley, unha nena de 11 anos, e as cinco emocións que están ao mando das súas decisións e experiencias (alegría, tristeza, medo, noxo e ira) durante a difícil transición da infancia á adolescencia. 

   2º) OBRADOIRO SOBRE EMOCIÓNS CON MARIAN, DE TEATRO CALAVERA (27 e 28 de maio)

Deixamos aquí os enlaces para os respectivos blogs de ciclo onde poderedes ver o que fixo cada un deles:

OBRADOIRO 1º CICLO

OBRADOIRO 2º CICLO

OBRADOIRO 3º CICLO

3º) MURAL:"AS NOSAS EMOCIÓNS FORMAN OS NOSOS RECORDOS" (semana do 3 de xuño)

Imitando a "biblioteca" de recordos de Riley, a protagonista da película "Do Revés", o alumnado do cole posou para ás cámaras "poñendo cara de..." cada unha das emocións traballadas coa película. 

Despois pegaron esas fotos en circulos de cartolina das cores asociadas a cada unha das emocións, imitando as esferas que aparecían na película.


 Finalmente, baixo o título de "As nosas emocións forman os nosos recordos", fixeron a composición mexturando cursos, alumnos e emocións.


 

lunes, 3 de junio de 2024

Atención! Obras na biblio

O noso amiguiño Cusco está en obras! Avecíñanse cambios na biblioteca! En breve amosarémosvos os avances!