sábado, 24 de abril de 2021

NOVOS PASOS COS ESCORNABOTS (BIBLIOTECA CREATIVA)

Como vedes, nestas últimas semanas non parou a actividade na biblioteca de Cusco. 

Retomamos os escornabots que deixaramos aparcados no recuncho de robótica para realizar prácticas de movemento. Nesta ocasión, os nosos amigos desprazáronse por un taboleiro con imaxes dos libros que viñamos de ler durante o trimestre. 

Demostrastes boas habilidades para a programación... e creatividade! Non hai máis que ver que feitiños quedaron os seus traxes! 👏



viernes, 23 de abril de 2021

23 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO

Ola compañeiras e compañeiros!

Como xa vos anunciaba ao comezo da semana, hoxe celebramos o Día Internacional do Libro na compañía de Pinto & Chinto. Aínda que a visita a min tamén se me fixo un pouco curta, puidemos conversar sobre os seus fantásticos libros e conseguimos que algúns fosen hoxe asinados para a casa. Aqueles que non puidestes levalos, tede paciencia, axiña estarán de volta. 😉

Aquí vos deixo unha presentación. Botádelle unha ollada ao froito de todo ese traballo que vos vin realizar nestes días: o mural coa montaxe fotográfica e os audiocontos. Que ben o pasamos meténdonos na pel dos personaxes! 

Feliz día! 📚

Cusco

lunes, 19 de abril de 2021

SEMANA DO LIBRO


Achégase unha das xornadas máis especiais para as bibliotecas escolares:
o Día Internacional do Libro. 
Desta volta si que poderemos gozar da visita de Pinto & Chinto (podedes coñecer máis aquí). Charlaremos con eles sobre o seu traballo e especialmente, sobre os fabulosos libros que nos acompañaron durante as "Horas de ler". 

Anotade na axenda: o vindeiro venres, 23 de abril, a iso das 11 h.

viernes, 2 de abril de 2021

2 DE ABRIL: DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

Hoxe é o día de lembrar aos grandes amigos que tedes nos andeis da biblio de Cusco. Sabemos que vos encantan! 

Cando lemos, á nosa mente médranlle ás. 
Cando escribimos, os nosos dedos cantan. 

As palabras son golpes de tambor e frautas na páxina,
paxaros voadores e elefantes trompeteiros, 
ríos que flúen, fervenzas que caen,
bolboretas que viran
alto no ceo! 

As palabras convídannos a bailar 
ritmos, rimas, latexos do corazón,
cascos e bater de ás, contos antigos e novos,
fantasías e verdades.

A MÚSICA DAS PALABRASpor Margarita Engle 
(Tradución de María Canosa)
Ilustración de Roger Mello.