jueves, 24 de marzo de 2022

PDI - COÑECE A TÚA CONTORNA: Visita ao Museo Etnográfico de A Capela

   Estes días foron xornadas de grandes experiencias e sobre todo, de coñecemento e valoración do valioso patrimonio natural, cultural e persoal da Capela. 

Graciñas a Secundino polo seu tempo e dedicación, acompañándonos e explicándonos tanto e tan ben. Graciñas tamén ás tres grandes veciñas da zona que nos contaron con moito cariño como foi a súa infancia noutra época. E por suposto, graciñas tamén a Lucía, mestra en prácticas, por contribuír a que todo isto fose posible. 

Cusco, 🐭

Comezamos o día camiñando cara o Museo do Pazo. Alí fixemos un percorrido polas estancias dunha casa de labranza tradicional da zona e coñecemos os utensilios e ferramentas que se usaban noutrora nos oficios máis frecuentes. Tamén tivemos a oportunidade de charlar con tres grandes mulleres, veciñas da zona, que responderon a todas as preguntas que gardaban os nenos no buche.






Continuamos o noso camiño cara o Río Sesín, aproveitando ademáis que era o Día da Auga. Aparte de desfrutar dun entorno natural máxico, coñecemos como o ser humano doutra época aproveitaba os recursos naturais de forma sostible e respectuosa co medio. 




A xornada xa non daba para máis e, todo hai que dicilo, necesitábamos un descanso, vaia camiñada! Así que tivemos que agardar ao día seguinte para visitar a Escola. Trasladámonos por un momento a outra época e coñecemos os materiais que se usaban na escola desde o século XIX. A maior parte deles, proveñen das antigas unitarias que houbo na Capela. 

É a historia do noso cole, dos pais e dos avós da zona!






lunes, 21 de marzo de 2022

PDI Coñece a túa contorna - DÍA DOS BOSQUES

 Xa sabemos que os bosques son o pulmón do planeta. Producen osíxeno, purifican o aire de CO2 e axudan a regular o clima. En definitiva, son esenciais para manter a vida na Terra e xogan un papel fundamental na loita contra o cambio climático. Aínda así, milleiros de bosques no mundo vense amenazados pola deforestación. 

Nesta xornada, reflexionamos sobre a súa importancia e comprometémonos co seu coidado, respecto e coñecemento. Que mellor forma de facelo que plantando un pequeno (de momento) castiñeiro, que algún día deixará castañas, sombra e osíxeno ás xeracións futuras do colexio.

Acompañamos o acto dunhas palabras e unha lectura a cargo dos nosos maiores colaboradores da biblio. Eliximos os pareados de "A árbore", de Xan Rodiño e ilustracións de María Lires. 🌳



domingo, 13 de marzo de 2022

SEMANA DA PRENSA - Os titulares que queremos ler

Ultimamente, a prensa vén cargadiña de noticias que non nos gustaría ter que ler nunca. Por iso, na nosa biblio quixemos darlles unha volta e "xogamos" cos titulares para crear algúns que seguro nos cambiarían a cara pola mañá ao abrir o xornal. Ogallá moitos deles se cheguen a cumprir! 🍀📰







viernes, 11 de marzo de 2022

PDI Coñece a túa contorna - ABELLAS NA ESCOLA

 Nicolás Taracido, experto apicultor pontevedrés, visitounos no día de hoxe para contarnos moitos datos interesantes sobre as abellas: como son, como se organizan na colmea (en directo nunha de observación), que beneficios nos achegan, en que consiste o traballo das persoas apicultoras... Mesmo nos invitou a probar o saboroso mel e o pole e creamos unha candea con cera natural das abellas. 

Pero o máis importante, quedounos ben claro que estes pequenos insectos xogan un papel imprescindible na biosfera grazas á súa acción polinizadora. Daquela, todas as plantas e por suposto, o ecosistema das Fragas do Eume, mantense vivo pola traballo destas nosas amiguiñas. 

Coidémolas! 🐝💚

Visitade os blogs dos ciclos para saber máis sobre as sesións: infantil, 2º ciclo, 3º ciclo


martes, 8 de marzo de 2022

8 DE MARZO - DÍA DA MULLER

Os contacontos que se foron celebrando neste curso estiveron moi vencellados á defensa da igualdade de dereitos entre mulleres e homes. 
Desta volta, as persoas narradoras foron as/os nosas/os compis de 6º que nos contaron as historias de "Unha feliz catástrofe" e "Elenita". Como nos gustan estas sesións de lectura compartida! 



Aparte de reflexionar sobre os valores agochados nestas lecturas, puxémonos mans á obra e creamos unhas magníficas flores coa técnica da globoflexia para agasallar ás mulleres das nosas vidas. 


Feliz día a todAs! 💟