jueves, 16 de mayo de 2024

Mulleres inspiradoras: Laura Rodríguez Herrera

Grazas á plataforma "Inspiring Girls", o pasado martes día 14 de maio recibimos no cole a visita de Laura Rodríguez Herrera, directora de Hércules Edicións.

A creación desta plataforma parte da idea de que toda muller pode ser un exemplo, unha "role model", para as nenas e adolescentes, para que coñezan da súa man as infinitas posibilidades ás que poden aspirar na súa vida. Así, Inspiring Girls nace co obxectivo de facilitar a todas as nenas do mundo, independentemente da súa procedencia, o acceso a "role models" femininos.

A orixe de Inspiring Girls remóntase ao ano 2013, e dende entón tratan de probar que hai centos de millerios de modelos de muller que, aínda que non saen na televisión ou nas revistas, son un exemplo excelente para nenas e rapazas.

Unha das diferentes vías que empregan para conseguir o seu obxectivo, é a de conseguir mulleres que conten a súa historia en formato de charlas en centros educativos a través do programa "Volta ao cole".


É por iso que este martes recibimos a visita de Laura Rodriguez. Entre outras cousas, baseou a súa charla na formación que recibiu, os lugares onde traballou e sobre todo en que consiste o seu traballo, como o desenvolve, por que lle gusta tanto, que retos ten que afrontar no seu día a día, etc.


Todo o que nos contou non foi só unha fonte de aprendizaxe e inspiración para as nenas e nenos de 2º e 3º ciclo de Primaria, senón tamén para os mestres, por ser o mundo das editoriais en moitos casos un gran descoñecido para a maioría da xente.


Aproveitamos este espazo virtual para agradecer tanto a Laura como a todas as mulleres que formaron, forman e formarán parte de Inspiring Girls, por compartir a súa experiencia persoal e servir como fonte de inspiración para as nenas das novas xeracións, por ser grandes exemplos de termos como empoderamento, traballo, constancia ou emprendimento, e ao mesmo tempo por servir como referentes na loita pola igualdade de oportunidades e un mundo máis xusto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario