Tras a volta das vacacións de verán, damos a benvida ao novo curso e recibimos con ledicia, ilusión e un gran sorriso a todas as nenas e nenos do noso cole, a quenes despois de gozar duns meses de descanso e diversión, tócalles reencontrarse cos seus queridos compañeiros e mestres para afrontar novos retos, aventuras, experiencias e aprendizaxes.
Coma xa ven sendo tradición, preparouse un mural de benvida relacionado coa temática escollida para o PDI (Proxecto Documental Integrado) deste curso: "Os continentes". Ao longo dos próximos meses, teremos unha magnífica oportunidade de "viaxar" a través dos distintos continentes, ubicándonos un pouco mellor no noso planeta Terra á vez que descubrimos diferentes culturas, linguas e modos de vida.
Despois de coñecer as súas novas aulas e titores, contar as anécdotas dun marabilloso verán e comentar por enriba as novidades do novo curso, baixamos ao pavillón para pasar un rato divertido grazas á ANPA do cole, da man de Bandullo Azul (Fran Ameixeiras e Fran Campos) e o seu espectáculo "Vicki e a felicidade", un rapaz ao que lle encanta cantar e bailar e que quere devolver a felicidade á súa aldea, onde a xente está sempre de mal humor.
Por último, un recreo longo, a primeira merenda do curso, un pequeno recordatorio das normas do comedor e... un circuito de xogos para despedir un primeiro día de cole dos que deixan ganas de volver ao día seguinte!
Apertas para tod@s e que teñades un bo e bonito curso!


