O pasado martes 31 de outubro, as nenas e os nenos entraban pola porta do cole dun xeito moi diferente ao habitual. Con todo o cole decorado e as cabazas expostas, chegaba o día de celebrar o Samaín, así que en lugar de nenas e nenos, comezamos a recibir bruxas, esqueletos, vampiros, bonecas diabólicas e unha morea de alumnos/as disfrazados e dispostos a pasar un día divertido e diferente.
Ata o tempo de recreo, a xornada lectiva estivo dentro da normalidade. Ás 12:00, todos baixaron ao recreo cunha cestiña feita con papel de periódico que despois foron enchidas coas castañas que con todo o cariño se asaron na cociña do comedor do cole. Foron un éxito e os nenos puideron degustar unha merenda diferente e moi típica do outono galego.
Unha vez rematado o recreo, no mesmo pavillón organizáronse unha serie de divertidos xogos (empregando castañas) dispostos en estacións para que os distintos ciclos foran rotando e disfrutando da práctica de cada un deles: a Mariola, o Castañacesto, a Bomba, Carreiras de relevos...
Neste tempo de xogo, fíxose un pequeno descanso para nomear aos finalistas do concurso de cabazas, que recibiron unha bolsiña con agasallos relacionados co Samaín e máis un diploma.
Unha vez nas aulas e antes do remate da xornada, todos aqueles/as que participaron no concurso de cabazas foron tamén premiados cun diploma e un lápiz temático.
Deixamos nesta entrada do blog un vídeo resumo deste día diferente. Unha aperta!
No hay comentarios:
Publicar un comentario