miércoles, 16 de junio de 2021

CUSCO CONVÍDAVOS A UNHA ANIMACIÓN

Ola compañeiros/as! 

Alégrome moito de que vos gustaran as lecturas que vos propuxen para o trimestre. Abofé que son unhas historias ben interesantes e entretidas! 

Pero aínda teño outra sorpresiña para vós, pois o vindeiro venres día 18 poderemos disfrutar no cole dunhas fantásticas animacións sobre elas. 

Non volas perdades!

lunes, 7 de junio de 2021

ANTES DE REMATAR O CURSO, CUSCO QUERE SABER...

Ola rapazas e rapaces!
 Axiña remata o curso e, polo tanto, tamén as actividades da biblioteca. Agardo que vos gustara participar nelas e que aprenderades moito. Pero, para asegurarme, gustaríame que realizasedes estas enquisas que vos achego (os máis peques do cole, posiblemente necesitaredes que os profes vos boten unha man para cubrilas entre todos). 
Grazas pola vosa colaboración. Xa sabedes que son un rato moi curioso! 

Cusco

viernes, 14 de mayo de 2021

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Só a lingua galega conta con palabras tan fermosas: bico, cóxegas, luscofusco, aperta, vagalume, axiña, morriña, brincadeira...  E só no noso colexio contamos con artistas tan creativos para facelas lucir como se merecen.

A presumir das chapas con orgullo! Eu xa teño a miña 😉. Aínda que traballiño me costou atopar o lugar da miña peza no quebracabezas para gañala.

Feliz 17 de maio, Galicia

Cusco










sábado, 24 de abril de 2021

NOVOS PASOS COS ESCORNABOTS (BIBLIOTECA CREATIVA)

Como vedes, nestas últimas semanas non parou a actividade na biblioteca de Cusco. 

Retomamos os escornabots que deixaramos aparcados no recuncho de robótica para realizar prácticas de movemento. Nesta ocasión, os nosos amigos desprazáronse por un taboleiro con imaxes dos libros que viñamos de ler durante o trimestre. 

Demostrastes boas habilidades para a programación... e creatividade! Non hai máis que ver que feitiños quedaron os seus traxes! 👏



viernes, 23 de abril de 2021

23 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO

Ola compañeiras e compañeiros!

Como xa vos anunciaba ao comezo da semana, hoxe celebramos o Día Internacional do Libro na compañía de Pinto & Chinto. Aínda que a visita a min tamén se me fixo un pouco curta, puidemos conversar sobre os seus fantásticos libros e conseguimos que algúns fosen hoxe asinados para a casa. Aqueles que non puidestes levalos, tede paciencia, axiña estarán de volta. 😉

Aquí vos deixo unha presentación. Botádelle unha ollada ao froito de todo ese traballo que vos vin realizar nestes días: o mural coa montaxe fotográfica e os audiocontos. Que ben o pasamos meténdonos na pel dos personaxes! 

Feliz día! 📚

Cusco

lunes, 19 de abril de 2021

SEMANA DO LIBRO


Achégase unha das xornadas máis especiais para as bibliotecas escolares:
o Día Internacional do Libro. 
Desta volta si que poderemos gozar da visita de Pinto & Chinto (podedes coñecer máis aquí). Charlaremos con eles sobre o seu traballo e especialmente, sobre os fabulosos libros que nos acompañaron durante as "Horas de ler". 

Anotade na axenda: o vindeiro venres, 23 de abril, a iso das 11 h.