viernes, 24 de octubre de 2025

Día das Bibliotecas 2025: as 7 probas da verdade e a nova axudante de Cusco.

Tras a publicación do suplemento falso, chegou o día das bibliotecas e era o momento de poñer ó alumnado a proba: entenderan o concepto de bulo? Recordan como podemos verificar unha información? Tras unha presentación sobre a actividade As 7 probas da verdade, era o momento, tal coma Asterix e Obélix nas 7 probas, de desmentir ou confirmar a información que proporcionaban as tarxetas. 


Pista a pista, fonte a fonte (moitas dispoñibles na nosa biblio) e selo de verificación en selo de verificación, todos os grupos de xornalistas de investigación amateurs conseguiron completar as probas: que non vos enganen! Pasámolo todos e todas fenomenal, cunhs nenos e nenas de primaria completamente implicados/as e un profesorado un tanto falcatrueiro (que non lles puxo as cousas fáciles...).


Tras a actividade, levouse a cabo a entrega de premios "Un/unha axudante para Cusco" para os/as finalistas e a gañadora Yoanna, que creou a Noite, unha gatiña moi espabilada.

Para rematar, fíxoselles entrega dun diploma por seren uns/unhas xornalistas de investigación impresionantes, unha galletiña co cartel do Día das Bibliotecas 2025 e unha pegatina da nova axudante de Cusco!

Que vivan as bibliotecas!

jueves, 23 de octubre de 2025

Contra a desinformación, bibliotecas! Coidado coas fake news na Capela!

 O lema deste ano para o Día das Bibliotecas era "Contra a desinformación: bibliotecas". Máis ca nunca, precisamos formar ás crianzas nos perigos das fake news e dos bulos. Coa expansión das redes sociais e de tecnoloxías coma a IA, aprender a buscar fontes verídicas é importantísimo.



Para demostrar o fácil que é enganar e que un bulo se espalle, preparamos un suplemento da Voz de Galicia falso. O mércores, dentro de cada xornal dos nenos e nenas de 3º ciclo, apareceu este folleto especial da Capela cunha portada que os deixou a todos en shock: "Atopan unha maleta con 500.000 euros nas obras do pavillón do CEIP Plurilingüe Mosteiro de Caaveiro."




Foi cousa de horas e a noticia xa chegara ata outros Concellos, mentres que as teorías sobre o sucedido e a alteración dos datos ían in crescendo. Polo tanto, conseguimos o noso obxetivo, o cal deu paso a unha presentación sobre o suplemento falso (pistas que había no seu interior para saber que non era real), poñendo en evidencia esta problemática e como as bibliotecas poden ser un filtro importantísimo de tanta morralla informativa.


martes, 21 de octubre de 2025

Cal será o/a futuro/a axudante de Cusco?

 Cusco precisa un ou unha novo/a axudante! A partires de xaneiro vai ter moito traballiño na biblio e el so non pode con todo! Tanto colocar, catalogar, organizar... puf! Anda un chisco estresado. Por sorte, pediulle axuda ó noso alumnado e estos/as son os/as participantes: