martes, 23 de abril de 2024

Recibimos a visita de Estefanía Padullés

 Como xa vos adiantamos nunha entrada anterior, o pasado venres 19 de abril recibimos no cole a visita da ilustradora e escritora catalana (residente en Galicia) Estefanía Padullés.

Coa fin de ambientar a xornada da visita e máis darlle un sentido e poñer en valor as producións en forma de "Booktrailer" que fixo o alumnado para os libros de Estefanía, o claustro preparou os rincóns que podedes observar na seguinte imaxe:

  • Unha pequena exposición coas obras da autora que temos na biblioteca do cole.
  • Uns fotogramas dos booktrailers que fixo o alumnado no formato dos antigos "negativos" das películas de cine.
  • Unha mesa onde 9 ordenadores portátiles reproducían de xeito cíclico cada un dos booktrailers.


Divididos en ciclos, xa que cada un deles liu un libro distinto, as nenas e nenos do cole foron baixando á aula de música (onde lles recibiría Estefanía) dende o comezo da xornada lectiva, a razón dunha hora por grupo respectando o tempo de recreo.


A parte de ensinarlles as ilustracións orixinais que acompañan as historias que conta nos libros que publica, fixo algunha demostración en directo da rapidez e a habilidade coa que fai os debuxos e máis adicou un tempo a asinar libro por libro cada un dos exemplares que tiñan os nenos de todos os cursos e tamén os da biblioteca escolar.

Dende o cole, aproveitamos este espazo para agradecer a Estefanía a súa visita e máis para desexarlle toda a sorte do mundo nas súas andanzas nunha profesión tan bonita como a de crear historias para o gozo e o lecer dos máis novos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario