martes, 23 de abril de 2024

Recibimos a visita de Estefanía Padullés

 Como xa vos adiantamos nunha entrada anterior, o pasado venres 19 de abril recibimos no cole a visita da ilustradora e escritora catalana (residente en Galicia) Estefanía Padullés.

Coa fin de ambientar a xornada da visita e máis darlle un sentido e poñer en valor as producións en forma de "Booktrailer" que fixo o alumnado para os libros de Estefanía, o claustro preparou os rincóns que podedes observar na seguinte imaxe:

  • Unha pequena exposición coas obras da autora que temos na biblioteca do cole.
  • Uns fotogramas dos booktrailers que fixo o alumnado no formato dos antigos "negativos" das películas de cine.
  • Unha mesa onde 9 ordenadores portátiles reproducían de xeito cíclico cada un dos booktrailers.


Divididos en ciclos, xa que cada un deles liu un libro distinto, as nenas e nenos do cole foron baixando á aula de música (onde lles recibiría Estefanía) dende o comezo da xornada lectiva, a razón dunha hora por grupo respectando o tempo de recreo.


A parte de ensinarlles as ilustracións orixinais que acompañan as historias que conta nos libros que publica, fixo algunha demostración en directo da rapidez e a habilidade coa que fai os debuxos e máis adicou un tempo a asinar libro por libro cada un dos exemplares que tiñan os nenos de todos os cursos e tamén os da biblioteca escolar.

Dende o cole, aproveitamos este espazo para agradecer a Estefanía a súa visita e máis para desexarlle toda a sorte do mundo nas súas andanzas nunha profesión tan bonita como a de crear historias para o gozo e o lecer dos máis novos.

lunes, 22 de abril de 2024

Obradoiro sobre "Book Trailers"

 Con motivo da promoción da biblioteca creativa, e a proximidade tanto da visita da autora Estefanía Padullés como a celebración do día do libro, o pasado martes 9 de abril o alumnado de 4º, 5º e 6º de EP tivo a oportunidade de asistir a un obradoiro para aprender que é un "book trailer" e como se fai. 

Ao igual que pasa coas películas, o trailer dunha obra literaria é un vídeo curto destinado a promocionar a lectura dun libro. De igual xeito que ocorre cos das series ou películas, o vídeo ten o obxectivo de chamar a atención do espectador a través do emprego de música, imaxes, secuencias gravadas, efectos, etc. coa fin de convencelo para ler a obra.

Divididos en pequenos grupos, o alumnado dos cursos mencionados tivo a oportunidade de planificar, guionizar, dirixir, representar, gravar e editar os trailers dos libros de Estefanía Padullés que estivemos lendo no cole durante as últimas semanas.

Deixámosvos aquí os traballos en forma de produto audiovisual que fixeron non só os cursos que asistiron ao obradoiro, senon tamén os máis pequeniños e pequeniñas do cole. Esperamos que vos gusten!

Infantil - QUE MAL DÍA, GATO KLOPS!

1º e 2º EP - LEOPOLDO, O PEQUENO MONSTRO.

3º EP - Mª PITA E O PIRATA

4º EP - Mª PITA E O PIRATA

Grupo 1: Naiara, Icía, Tomás, Xavi e Thiago.

Grupo 2 - Antón, Yaiza, Xoel e Martín. 

5º EP - UN MUNDO PARA MARUXA

6º EP - UN MUNDO PARA MARUXA

Grupo 1: Adrián, Lucas, Jacobo e Ainara

Grupo 2: Alexia, Andrea, Ainhoa, Hugo e Dani.

Grupo 3: Manu, Nerina, Andrea e Ainara.

miércoles, 3 de abril de 2024

Agardando a visita de Estefanía Padullés

 O venres 19 de abril, teremos a honra de recibir no noso cole a especial visita de Estefanía Padullés.

Esta recoñecida ilustradora e escritora infantil naceu nunha pequena vila do norte de Barcelona, preto dos Pirineos. O seu vínculo con Galicia ten a súa orixe nos seus avós maternos, que eran galegos. Por iso pasaba parte dos veráns na súa aldea, preto dos animais e da natureza.

Estudou bioloxía en Barcelona e despois mudou a Almería, onde traballou nunha reserva zoolóxica entre outras cousas.

No ano 2012 trasladouse definitivamente a Galicia para cumprir o seu sono: ser ilustradora e escritora infantil e xuvenil. Dende entón, vive nunha aldea chamada Paradela, na provincia de Lugo.

Galicia e a sús contorna apórtanlle paz, tranquilidade e contacto coa natureza, o cal lle axuda moito a inspirarse. As historias que escribe son divertidas pero tamén emocionantes. As ilustracións son tenras e educativas.

Ela sempre di que o máis importante para que un autor ou autora poida transmitir, é que logre emocionarse coa súa propia obra, e ela é unha apaixonada deste mundo creativo, tanto literario como plástico.


Día da árbore

O pasado xoves 21 de marzo celebramos no cole o Día da Árbore. 

Unha xornada diferente, pedagóxica, entretida e divertida na que recibimos a visita dun grupo de axentes ambientais e técnicos forestais, entre eles Martín, o pai de Inés, alumna de 3º de Primaria.

Primeiro de todo, os nenos recibiron na aula de música unha charla sobre diferentes temáticas relacionadas co medio ambiente como especies diversas de árbores e flores, o proceso de polinización e reprodución das plantas, o terrible incendio que tivo lugar nas Fragas do Eume no ano 2012, ou métodos comúns de prevención e extinción de incendios.


Tras dita exposición maxistras, o alumnado do cole tivo a oportunidade de saír fora para comprobar cos seus propios ollos como é un día de traballo destas persoas que tan boa e importante labor fan nos nosos bosques. Aprenderon como empregan a radio para comunicarse entre as diferentes patrullas, o que é unha hidrobomba e como a utilizan para avanzar frente ao lume, puideron subir, sentir e tocar os vehículos que empregan no seu día a día e o equipamento que teñen, e incluso plantaron por grupos 5 árbores distintas no xardín do cole, ao lado do campo da chave. 




Como dicimos, foi un día moi enriquecedor para os alumnos e que seguramente non olviden nunca. Quen sabe se ademais algún deles/as puido descubrir unha vocación e teremos futuros axentes ambientais ou técnicos forestais entre os alumnado do noso cole. 


Moitísimas grazas aos axentes pola súa visita e bo facer co noso alumnado. Foi un verdadeiro pracer recibirvos no cole!!  

martes, 19 de marzo de 2024

Celebramos o Día Internacional da Muller

 O pasado 8 de marzo celebramos no cole o Día Internacional da Muller, xornada recoñecida pola ONU coa fin de reivindicar os dereitos das mulleres así como a igualdade social e laboral.

Co obxectivo de lle dar visibilidade a tan importante causa, o alumnado do cole configurou un mural que quedará exposto na parede que hai ao lado da aula de infantil.

Neste mural hai diferentes mandalas relacionados co 8M aos que as nenas e nenos lles deron o seu toque persoal empregando as cores que cada un preferíu no momento de facelo.

Ademáis, e aproveitando a semana da prensa, cada unha das clases dos diferentes niveis buscaron e atoparon diferentes novas en diferentes diarios, todas elas relacionadas coa muller no deporte.

 Dende o cole, seguiremos a loitar sempre polos dereitos da muller e a igualdade!


martes, 27 de febrero de 2024

Celebramos o día de Rosalía de Castro

O pasado venres 23 de febreiro celebramos no cole o día de Rosalía de Castro, poetisa e novelista galega que tantas obras deixou para o noso gozo.

Co obxectivo de homenaxear tanto á autora en sí mesma coma o legado que nos deixou, cada ciclo aprendeu e recitou un dos seus poemas.

 Aproveitamos o tempo do plan lector para acudir á aula de música e, por quendas organizadas dos máis maiores aos máis pequenos, cada grupo foi recitando o poema que elixiu mentres o resto escoitábamos con atención e aplaudíamos o seu traballo. 


Os poemas elixidos foron os seguintes:

- INFANTIL e 1º CICLO DE EP: "Adiós ríos, adiós fontes". Quenes ademáis prepararon uns murais preciosos representando as mensaxes do poema.

- 2º CICLO DE EP: "Has de cantar"

- 3º CICLO DE EP: "Campanas de Bastabales"

jueves, 15 de febrero de 2024

Un Entroido "pasado por auga"

 E non soamente polo tempo, que non nos deixou desfilar pola rúa como fixéramos o ano pasado, senon tamén pola temática elixida para a celebración do Entroido no 2024: "A vida submarina".

Tras poñerse os seus respectivos disfraces, as rapazas e rapaces do cole foron ocupando os seus postos nas escaleiras onde xa ven sendo tradición facer as fotos de cada grupo.

Dende os máis pequeniños ata 4º curso de EP, estrelas de mar, peixes e cangrexos, ían representar a vida do fondo mariño, mentres que os maiores de 5º e 6º deseñaron os seus disfraces de "lixo" co obxectivo de alzar a súa voz en loita contra o que precisamente está a acabar con toda esa vida: a contaminación dos nosos mares e océanos.


Feitas as fotos, dirixímonos todos ao pavillón, onde un grupo de música folclórica agardaba por nós e máis polas familias para amenizar a primeira parte da xornada. 

Tras bailar todo o que puidemos, o alumnado de 5º de EP sería o encargado de, a través duns versos escritos por eles mesmos e moi pero que moi traballados, presentar e dar entrada aos diferentes grupos para que puideran desfilar exhibindo os seus disfraces.



Unha vez rematado o desfile, foi o momento de xulgar ao que levaba toda a semana volvéndonos tolos cos seus mandadiños, e que ademáis fixera trasnadas varias a diferentes veciños. Deste xeito, a avogada, a xuíza, o fiscal e o policía escoitarían as diferentes testemuñas para finalmente determinar "A QUEIMA DO MECO!!!"


Ao termo do xuízo, dirixímonos todos ao comedor, onde nos esperaría un delicioso almorzo de chocolate con churros!!