jueves, 16 de mayo de 2024

Mulleres inspiradoras: Laura Rodríguez Herrera

Grazas á plataforma "Inspiring Girls", o pasado martes día 14 de maio recibimos no cole a visita de Laura Rodríguez Herrera, directora de Hércules Edicións.

A creación desta plataforma parte da idea de que toda muller pode ser un exemplo, unha "role model", para as nenas e adolescentes, para que coñezan da súa man as infinitas posibilidades ás que poden aspirar na súa vida. Así, Inspiring Girls nace co obxectivo de facilitar a todas as nenas do mundo, independentemente da súa procedencia, o acceso a "role models" femininos.

A orixe de Inspiring Girls remóntase ao ano 2013, e dende entón tratan de probar que hai centos de millerios de modelos de muller que, aínda que non saen na televisión ou nas revistas, son un exemplo excelente para nenas e rapazas.

Unha das diferentes vías que empregan para conseguir o seu obxectivo, é a de conseguir mulleres que conten a súa historia en formato de charlas en centros educativos a través do programa "Volta ao cole".


É por iso que este martes recibimos a visita de Laura Rodriguez. Entre outras cousas, baseou a súa charla na formación que recibiu, os lugares onde traballou e sobre todo en que consiste o seu traballo, como o desenvolve, por que lle gusta tanto, que retos ten que afrontar no seu día a día, etc.


Todo o que nos contou non foi só unha fonte de aprendizaxe e inspiración para as nenas e nenos de 2º e 3º ciclo de Primaria, senón tamén para os mestres, por ser o mundo das editoriais en moitos casos un gran descoñecido para a maioría da xente.


Aproveitamos este espazo virtual para agradecer tanto a Laura como a todas as mulleres que formaron, forman e formarán parte de Inspiring Girls, por compartir a súa experiencia persoal e servir como fonte de inspiración para as nenas das novas xeracións, por ser grandes exemplos de termos como empoderamento, traballo, constancia ou emprendimento, e ao mesmo tempo por servir como referentes na loita pola igualdade de oportunidades e un mundo máis xusto.

lunes, 13 de mayo de 2024

Mochila creativa viaxeira.

Desde a Biblioteca, Cusco e o equipo de biblioteca, estiveron a preparar a mochila creativa vixeira, unha mochila moi especial que leva dentro material variado, seleccionado cun importante obxectivo:

ler, imaxinar e crear.

Os nenos e nenas gozarán do préstamo temporal desta mochila durante unha semana na que poderán analizar e desfrutar de libros e xogos en familia, compartindo coñecementos e sensacións.


Hoxe, o alumnado de terceiro sorprendeu ao alumnado de quinto coa presentación desta iniciativa que agardamos sexa do agrado dos nosos creadores e creadoras.




domingo, 12 de mayo de 2024

Letras galegas 2024. Luisa Villalta.

O pasado venres puidemos coñecer, a través dun conto teatralizado "A NENA DO VIOLINO E A POESÍA", todo o que fixo Luisa Villalta na súa curta vida.
Luisa era unha nena pegada ao seu violino, non podía facer nada sen el. Ata que se atopou co seu primeiro libro de poesía. A partir dese momento era a nena do violino e a poesía. Ao crecer empezou a atoparse con outras cousas, como coa inxustiza. Luisa non quería ser a nena da inxustiza, así que un día decidiu que cambiaría as cousas...
Grazas Rebeca, por facernos un percorrido tan divertido pola vida de Luisa.👏👏👏